Agasallos de gastronomía galega para quen complete as rutas do XVI Santiago(é)Tapas

 

En pouco máis dunha semana, o vindeiro xoves 13 de febreiro, arrancará o XVI Santiago(é)Tapas, o concurso gastronómico que promove e organiza Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña. E unha edición máis aquelas persoas que completen as diferentes rutas ou (é)TAPAS nas que se distribúen os 42 locais participantes poderán gañar diversos agasallos. Entre eles, destacan produtos galegos de calidade diferenciada procedentes de DOP, IXP, Agricultura Ecolóxica e de Artesanía Alimentaria; botellas de viño Ponte da Boga; packs de cervexa Estrella Galicia Especial; e lotes de Cafés Dromedario e ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia). Tamén poderán conseguir abonos para o Obradoiro CAB e a SD Compostela, balóns vintage do Compos, libretas e bidóns ilustrados, paraugas, etc.

Para recibir un destes premios é necesario completar polo menos unha das (é)TAPAS ou das rutas de interese especial (doce, sen glute e vexetariana) que aparecen no Tapasporte. Este documento, que volverá ter formato libriño, poderá recollerse desde o día de inicio do concurso na Oficina de Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63) en horario de 10.00 a 18.00 h de luns a domingo; e tamén en todos os locais participantes.

A forma de conseguir estes agasallos é moi sinxela. Unha vez recollido o Tapasporte, o público poderá percorrer cada unha das 7 rutas ou (é)TAPAS que se estableceron nesta edición. Despois de tomar a tapa en cada local participante, poderá emitir o seu voto a través dos códigos QR que lle entregarán no establecemento e pedir que selen o Tapasporte no lugar correspondente ao petisco consumido.  Unha vez completada e seleda unha ou varias rutas, xa poderá recoller o seu premio na Oficina de Turismo de Santiago, ata o 10 de marzo.

Ademais, o sábado 15 de febreiro haberá un premio especial sorpresa para as persoas que presenten na Oficina de Turismo os selos cubertos dos 5 establecementos distinguidos co selo de Calidade Turística SICTED, que son: Bodeguilla de San Lázaro, Bodeguilla de Santa Marta, Redes, O Sendeiro e Orixe.

Por outro lado, o Tapasporte inclúe un apartado denominado Tapasporte Express dirixido a turistas e visitantes que vaian pasar só uns días na cidade e que recibirán o seu correspondente agasallo por conseguir un selo en cada unha das 7 (é)TAPAS.

Entre todas as persoas que emitan o seu voto, sortearase tamén outro agasallo.

O XVI Santiago(é)Tapas, que se celebrará do 13 de febreiro ao 2 de marzo, volve a contar un ano máis como patrocinador principal coa empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Ademais, tamén colaboran co concurso a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Cafés Dromedario, ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia), Utimaq, Obradoiro CAB e SD Compostela.