En marcha a XIII edición do Santiago(é)Tapas

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado do presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, membros da Corporación municipal e representantes das entidades e empresas patrocinadoras e colaboradoras, inauguraron o XIII Santiago(é)tapas, que se celebrará do 11 ao 28 de novembro. O grupo achegouse ata o local gañador da tapa tradicional na pasada edición do concurso, Casa dos Xacobes, na rúa da Algalia de Abaixo 33, para probar os petiscos que presentan nesta ocasión.

O XIII Santiago(é)Tapas, un evento promovido por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostalaría Compostela, ofrecerá durante dúas semanas e media 59 petiscos de 38 locais composteláns.

As tapas dividiranse en dúas modalidades: tradicional e creativa, ambas cun prezo de entre 1,50 e 3,50 euros. Establecéronse cinco rutas ou (é)tapas que se poden consultar tanto na páxina web santiagoetapas.gal como no Tapasporte, á disposición do público nos locais participantes, na Oficina de Turismo de Santiago, na Rúa do Vilar, e na sede de Asociación Hostalaría Compostela, na Rúa Salvadas, 29. Como novidade nesta edición creouse unha ruta extra veggie, con opcións para persoas vexetarianas, veganas ou flexitarianas.

Con algunhas das empresas e entidades colaboradoras.

Aqueles que vaian completando as diferentes (é)tapas gañarán diferentes agasallos que se poden consultar en santiagoetapas.gal Ademais, sortearase unha cea para dúas persoas no restaurante A Tafona -establecemento cunha Estrela Michelin e dous Soles Repsol- por cortesía de Cervezas Alhambra, entre todos aqueles que emitan o seu voto nas urnas habilitadas para tal fin nos locais participantes.

Entre todas as tapas presentadas outorgaranse, mediante o voto ponderado do xurado profesional e do público, un primeiro e un segundo premio á tapa creativa, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente; un primeiro e un segundo premio á tapa tradicional, tamén con 1.000 e 500 euros; e, por primeira vez, un premio á Mellor Tapa sen Glute, grazas á colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia. Ademais haberá dous premios do público, á tapa creativa e á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un.

O XIII Santiago(é)Tapas conta co patrocinio de Cervezas Alhambra que, na súa aposta pola gastronomía, impulsa o premio “Maridaxe Cervezas Alhambra” dotado con 500 euros en produto e a oportunidade de participar nun showcooking nalgún dos eventos promovidos pola marca. Cervezas Alhambra reivindica o tempo como o ingrediente principal á hora de abordar a gastronomía para desfrutar sen présas das mellores experiencias culinarias.

Tamén colaboran nesta edición do concurso Cash Récord, Fraga do Corvo e Utimaq, así como o CAB Obradoiro, a SD Compostela e o festival de cine Cineuropa, ademais da Asociación de Celíacos de Galicia. 

Carteis das tapas na Casa dos Xacobes.

Inauguración Santiago(é)Cóctel

Por outra parte, o Pub Atlántico, gañador do I Santiago(é)Cóctel, na modalidade de cóctel creativo, acollerá mañá, xoves 11 de novembro, ás 18:00 horas o acto de inauguración da segunda edición deste concurso que organiza a Asociación Hostalaría Compostela, co patrocinio de Cash Record e Royal Bliss.

Neste II Santiago(é)Cóctel, que se desenvolverá de xeito paralelo ao Santiago(é)Tapas ata o vindeiro 28 de novembro, competirán 23 propostas de 15 locais composteláns.

Os cócteles dividiranse en dúas modalidades: sen alcohol, cun prezo de 5 euros, e con alcohol, de 6 euros. Premiaranse dous deles, con 500 euros cada un. Ademais, haberá un premio ao Mellor Gin Tonic Royal Bliss Tradicional e o Mellor Combinado Royal Bliss Vangarda, de 600 euros cada un.

Co paraugas oficial do concurso.

Deja una respuesta