Novembro volverá a ser o mes das tapas coa celebración do XIII Santiago(é)Tapas

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e o presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, presentaron a décimo terceira edición do Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago, un evento promovido por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostalaría Compostela.

O certame conta co patrocinio de Cervezas Alhambra que, na súa aposta pola gastronomía, impulsa o premio “Maridaxe Cervezas Alhambra” dotado con 500 euros en produto e a oportunidade de participar nun showcooking nalgún dos eventos promovidos pola marca. Cervezas Alhambra reivindica o tempo como o ingrediente principal á hora de abordar a gastronomía para desfrutar sen présas das mellores experiencias culinarias. Tamén colaboran neste XIII Santiago(é)Tapas Cash Récord e Utimaq.

Guinarte destacou que este concurso, que tivo que ser suspendido no 2020 polas restricións en vigor durante o mes de novembro do ano pasado, supón unha oportunidade para dinamizar o sector antes do Nadal, especialmente despois dun periodo moi complexo por mor da Covid-19.

Pola súa banda, Rodríguez explicou as novidades desta edición, que se celebrará do 11 ao 28 de novembro, xunto coa segunda edición do Santiago(é)Cóctel, concurso de cócteles organizado por Hostalaría Compostela e patrocinado polas gamas de mixers e tónicas Royal Bliss, de Coca Cola, e a xenebra Áncora de Silleiro. O presidente desta entidade destacou que debido á delicada situación económica que atravesa o sector tras 18 meses de restricións, reduciuse a cota de inscrición de ambos concursos, que pasa de 99 euros a 79 (IVE incluído).

Canto do concurso de tapas, haberá dúas modalidades (tapa tradicional e tapa creativa, ambas cun prezo de entre 1,50 e 3,50 euros), ao igual que na competición de cócteles, que terá dúas categorías (sen alcohol, cun prezo de 5 euros, e con alcohol, de 6 euros).

Co fin de fomentar o uso de produtos autóctonos e de proximidade, é requisito imprescindible de todas as tapas que inclúan na súa elaboración, cando menos, un produto pertencente a algunha das denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas de Galicia. No caso dos cócteles, deben tamén incluír na súa elaboración, cando menos, un produto galego.

Entre todas as tapas presentadas outorgaranse, mediante o voto ponderado do xurado profesional e do público, un primeiro e un segundo premio á tapa creativa, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente; un primeiro e un segundo premio á tapa tradicional, tamén con 1.000 e 500; e o premio “Maridaxe Cervezas Alhambra”. Tamén se outorgarán os premios do público á tapa creativa e á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un. Así mesmo, premiaranse dous cócteles, un con alcohol e outro sen alcohol, con 500 euros cada un. Ademais haberá dous premios para aqueles que empreguen Royal Bliss nos seus combinados, de 600 euros cada un.

Por outra banda, haberá agasallos para os consumidores e consumidoras, que puntuarán as tapas e cócteles nas urnas habilitadas para tal fin nos locais participantes. Optarán a eles por completar as diferentes (é)tapas, que poderán percorrer tanto a veciñanza como as persoas foráneas, seguindo o seu tapasporte. Tamén se realizará un sorteo de regalos entre todas as papeletas de votación recibidas.

Inscricións

Poderán participar nestes concursos todos aqueles locais de hostalaría situados no termo municipal de Santiago que o desexen, sempre que estean en posesión das licencias oportunas.

Deberán rexistrarse para tal fin ata o 9 de outubro (incluído) cubrindo a folla de inscrición que se lles facilitará a través do correo electrónico info@santiagoetapas.com ou do formulario que atoparán na páxina  santiagoetapas.gal. As bases destes dous concursos pódense consultar nesa mesma web.

Deja una respuesta