A formación é unha das novidades da última edición de Santiago(é)Tapas, evento organizado por Turismo de Santiago, que este ano inclúe tres cursos para persoal da hostalaría, con preferencia aos estabelecementos rexistrados no concurso.
Así, tras o obradoiro de iniciación barista impartido a semana pasada por Karen Quiroga, formadora de Café Dromedario, este luns as dúas sesións estiveron centradas na maridaxe de cervexas de Estrella Galicia e os mencías de Ponte da Boga, patrocinadores de esta edición xunto a Cash Record.
Carlos Ávila, técnico de Cultura de Cervexa da compañía, impartiu unha clase práctica e teórica na que se cataron exemplos sinxelos de harmonías con cervexas Estrella Galicia. “A pesar de que pensamos que a maridaxe con cervexas está en desuso, a cana e a tapa ou o aperitivo e a cervexa son parellas inseparables na gran maioría dos establecementos de hostalería”, explicou, polo que “coñecer a técnica da maridaxe con cervexas pode axudar a subir o ticket medio da nosa hostalería”, explica. A sesión, á que asistiron unha veintena de profesionais do sector, incluiu unha cata de cervexas.
A continuación, a sede da Asociación Hostelería Compostela, acolleu unha Viaxe polos mencías de Ponte da Boga, dirixida polo enólogo Rubén Pérez, director técnico de Ponte da Boga, que amosou os matices dos viños da Ribeira Sacra. A cata incluiu P. Mencía 22 Lousas e Xistos 21, un mencía con 4 meses de barrica, e Bancales Esquecidos 20, con 10 meses de barrica.
Organizada por Turismo de Santiago en coordinación coa Asociación Hostelería Compostela e o apoio da Deputación da Coruña, Santiago (é) Tapas conta este ano coa participación de 41 locais distribuídos en 5 (é)Tapas, que servirán máis de 60 propostas do 15 de febreiro ao 3 de marzo, a prezos de entre 2 e 4 euros, para ser degustadas e votadas por veciños e turistas.