En este momento estás viendo O Mercado de Abastos acolle as probas de preselección do XVI Santiago(é)Tapas

O Mercado de Abastos acolle as probas de preselección do XVI Santiago(é)Tapas

A concelleira de Turismo, Miriam Louzao, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, acudiron esta mañá á Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos, onde se están a celebrar desde o pasado martes as probas de preseleción das tapas do XVI Santiago(é)Tapas, que terá lugar do 13 de febreiro ao 2 de marzo. Alí puideron ver como presentaba as súas propostas Jorge Gago, de A Maceta e O Testo, dous dos locais de hostalaría que participarán nesta edición do concurso.

Tamén asistiron representantes doutras entidades e empresas colaboradoras do concurso como o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alemparte; a xerente da Praza de Abastos, Marta Rey; Guillermo Fernández, de Hijos de Rivera; Bruno Hermida, de Cafés Dromedario; Alberto García, de Ponte da Boga; e Nuria Colmenero, da asociación de persoas celíacas de Galicia (ACEGA). Ademais, tamén asistiron os  profesores do CIFP Compostela, Xosé Quintáns e Gonzalo Salgueiros, encargados da preselección das tapas.

Miriam Louzao destacou que este ano o concurso volve a celebrarse na segunda quincena de febreiro, logo dos bos resultados que se obtiveron o ano pasado. Segundo dixo a concelleira, “continuamos coa nosa aposta clara pola desestacionalización, co obxectivo de dinamizar o sector no mes de menor movemento na cidade”. 

Na edición deste ano inscribíronse 43 locais, tres máis dos que participaron o ano do 2024. Este aumento de participación consolida febreiro como un mes axeitado para o sector ao tempo que se procura fomentar a desestacionalización en tempada baixa.

Entre os establecementos participantes atópanse moitos dos xa habituais do concurso, xunto a outros novos que se presentan por primeira vez para darse a coñecer e demostrar a calidade da oferta hostaleira da cidade.

Produto galego de proximidade

Nesta edición, o concurso fai unha aposta aínda máis decidida polo produto galego de proximidade. E precisamente por este motivo, o Mercado de Abastos de Santiago adquire un protagonismo especial, reforzándose como colaborador e acollendo por primeira vez a proba de preselección das tapas.

O XVI Santiago(é)Tapas, que se celebrará do 13 de febreiro ao 2 de marzo, volve a contar un ano máis como patrocinador principal coa empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Repetirán tamén como empresas e entidades colaboradoras, ademais do Mercado de Abastos; Cash Record, Cafés Dromedario, ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia) e Utimaq.

Ademais, cómpre destacar o compromiso de AGACAL, que se consolida como un dos principais puntais do concurso, polas súas achegas de agasallos de produtos galegos de calidade contrastada (DOP, IXP e produtos ecolóxicos) e de Experiencias de Calidade, tanto para os locais como para o público participantes.

Toda a información está dispoñible na páxina web santiagoetapas.gal