O XVI Santiago(é)Tapas, concurso que organiza Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, despedirase este domingo, 2 de marzo. Ata entón o público poderá seguir gozando das 68 tapas que prepararon os 42 locais participantes, ademais de seguir completando o Tapasporte para gañar diferentes agasallos.
Entre eles, destacan produtos galegos de calidade diferenciada procedentes de DOP, IXP, Agricultura Ecolóxica e de Artesanía Alimentaria (AGACAL); botellas de viño Ponte da Boga; packs de cervexa Estrella Galicia Especial; e lotiños de Cafés Dromedario e ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia). Así como abonos para o Obradoiro CAB e a SD Compostela, balóns vintage do Compos, libretas e bidóns ilustrados, paraugas, etc.
Selos no Tapasporte
Para recibir algún destes premios é necesario completar polo menos unha das 7 (é)TAPAS que aparecen no Tapasporte, contando cun selo de cada local participante na (é)Tapa que corresponda. Cantas máis realizadas, máis agasallos se poden conseguir. No que levamos de concurso xa se repartiron máis dun cento, sendo 3 as persoas que lograron ata agora rematar os 7 Camiños ou (é)Tapas.
Tamén hai agasallos directos por contar cos selos de como mínimo unha das tapas en todos os locais incluídos nas rutas de interese especial: doce, sen glute e vexetariana. Nestes casos, o selo debe situarse no espazo correspondente en cada ruta, dispoñible nas páxinas finais do Tapasporte.
Estes premios deben recollerse na Oficina de Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63), en horario de 10.00 a 18.00 h de luns a domingo, ata fin de existencias ou ata o 10 de marzo (incluído).
Ademais sortearase un agasallo entre todas as persoas que emitan o seu voto a través dos códigos QR que entregan os establecementos participantes unha vez consumidas as tapas.
O XVI Santiago(é)Tapas, organizado e promovido por Turismo de Santiago baixo o paraugas da marca Compostela Gastronómica, co apoio da Deputación da Coruña, conta como patrocinador principal coa empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Ademais, tamén colaboran co concurso a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Cafés Dromedario, ACEGA, Utimaq, Obradoiro CAB e SD Compostela.