O XVII Santiago(é)Tapas supera as 33.000 tapas vendidas

Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Compostela, continúa a consolidar o seu éxito de participación e consumo. Nesta edición superáronse as 33.000 tapas vendidas, unha cifra que supón un incremento do 10% respecto ao ano anterior e confirma a boa acollida do público e a implicación dos establecementos participantes.

O número de tapas vendidas nesta edición sitúase por riba das 30.000  rexistradas no 2025 e das 25.000 contabilizadas na edición do 2024, que foi a primeira na que se apostou por trasladar o concurso do mes de novembro a febreiro. Deste xeito, Santiago(é)Tapas reafírmase como un evento fundamental para fomentar o consumo durante a temporada baixa, en consonancia co obxectivo municipal de avanzar cara a un modelo turístico máis desestacionalizado.

Entrega de premios

Este luns, 16 de marzo, coñeceremos cales son os dez locais finalistas, así como as tapas gañadoras desta edición. O acto de entrega de premios -con acceso limitado a establecementos participantes así como empresas e entidades patrocinadoras e colaboradoras- celebrarase ás 19:00 h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

Entre todas as tapas que participaron neste XVII Santiago(é)Tapas outorgaranse, mediante o voto ponderado do xurado profesional (60%) e do público (40%), tres galardóns principais:

  • Premio “Deputación da Coruña” á Mellor Tapa Creativa, dotada con 1000 euros. Esta tapa será a que representará a Santiago no concurso De tapas por Galicia organizado por Turismo de Galicia.
  • Premio “Compostela Gastronómica” á Mellor Tapa Tradicional, dotada con 1000 euros.
  • Premio á Mellor Tapa Doce, dotado con 1000 euros e un agasallo especial de Café Dromedario.

Ademais, outorgaranse varios premios adicionais, elixidos polo xurado profesional:

  • Premio “Ponte da Boga” á Mellor Tapa en maridaxe con Viño, dotado con 500 euros en produto.
  • Premio “Estrella Galicia” á Mellor Tapa en maridaxe con Cervexa, dotado con 500 euros en produto.
  • Premio “Calidade Diferenciada” á Mellor Tapa con produto de DOP, IXP, Produción Ecolóxica ou Artesanía Alimentaria, dotado cun lote de produtos da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL).
  • Premio “Cash Record” á Mellor Tapa Vexetariana/Vegana, dotado con 400 euros en produto.
  • Premio “ACEGA” á Mellor Tapa Sen Glute, dotado cun cheque de 200 euros para a compra de produtos sen glute.

Durante o acto de entrega de premios do XVII Santiago(é)Tapas tamén se realizará o sorteo dunha estadía de dúas noites con almorzo no Hotel Gaio 7 en Santiago, cortesía de Vimbio, entre todas as persoas que votaron polas tapas a través dos códigos QR que se atopaban nos locais participantes.

Organizado e promovido por Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña, e encadrado dentro da marca “Compostela Gastronómica”, o XVII Santiago(é)Tapas ten como patrocinador principal á empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Tamén colaboran a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Café Dromedario, a Asociación de persoas celíacas de Galicia (ACEGA), o CIFP Compostela, Allwork e Vimbio.