Os locais de hostalaría composteláns poden consultar as bases e anotarse ao concurso organizado por Turismo de Santiago a través da web santiagoetapas.gal
O prazo de inscrición para participar no XVIII Santiago(é)Tapas xa está aberto. O concurso que promove e organiza Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña, celebrará do 11 ao 28 febreiro de 2027 unha edición especialmente simbólica, ao facer 18 anos e alcanzar a maioría de idade.
Os establecementos hostaleiros composteláns interesados en formar parte desta nova convocatoria poden inscribirse a través do formulario online que atoparán na páxina web santiagoetapas.gal, e que estará aberto ata o 8 de xaneiro de 2027 (incluído). Neste portal poden consultar tamén as novas bases do certame.
Na súa última edición, o concurso superou as 33.000 tapas vendidas, unha cifra que representa un incremento do 10 % respecto á convocatoria anterior e de máis do 30 % en comparación coa edición precedente. Con estes resultados como punto de partida, o XVIII Santiago(é)Tapas prepárase para unha nova cita na que as tapas e a cultura gastronómica de Compostela serán as grandes protagonistas, poñendo en valor a riqueza culinaria da cidade e a creatividade dos seus establecementos hostaleiros.
O XVIII Santiago(é)Tapas está organizado por Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña, e encadrado dentro da marca “Compostela Gastronómica”.