
O concurso Santiago(é)Tapas anima aos establecementos de hostalaría de Santiago de Compostela a sumarse á súa nova edición, que ten un carácter especialmente simbólico ao alcanzar a súa 18ª convocatoria e celebrar así a súa maioría de idade.
Para conmemorar esta traxectoria, Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña, prepara unha edición especial que se desenvolverá do 11 ao 28 de febreiro e na que, unha vez máis, os locais composteláns serán os grandes protagonistas, amosando a súa creatividade, talento e capacidade de innovación gastronómica.
O prazo de inscrición abriu o pasado 9 de novembro e permanecerá aberto ata o 8 de xaneiro, incluído. Os locais interesados en participar poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web santiagoetapas.gal, onde tamén están dispoñibles as bases do concurso e toda a información necesaria.
Reparto de manteis
Co obxectivo de dar a coñecer esta convocatoria e animar os establecementos a inscribirse, Turismo de Santiago repartirá a partir da próxima semana manteis temáticos de Nadal entre bares e restaurantes composteláns. Esta iniciativa busca achegar o concurso aos locais de hostalaría e reforzar a difusión desta edición especial entre o sector.
Aqueles establecementos que desexen recibir estes manteis poden solicitalos escribindo ao correo electrónico info@santiagoetapas.com
Organizado por Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña, e encadrado dentro da marca “Compostela Gastronómica”, o XVIII Santiago(é)Tapas contará un ano máis como patrocinador principal coa empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Tamén colaborarán Café Dromedario, o Mercado de Abastos de Santiago, a Asociación de persoas celíacas de Galicia (ACEGA), o CIFP Compostela e Allwork .