En este momento estás viendo A XV edición de Santiago(é)tapas celebrarase do 15 de febreiro ao 3 de marzo

A XV edición de Santiago(é)tapas celebrarase do 15 de febreiro ao 3 de marzo

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, a presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, anunciaron as datas da XV edición do concurso Santiago(é)tapas, que terá lugar do 15 de febreiro ao 3 de marzo, nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi.

O concurso de tapas de Santiago viviu varios cambios de datas dende o seu comezo. As primeiras edicións celebráronse na primeira quincena de xullo, xa que hai quince anos o sector consideraba que nesas datas non había suficiente actividade na cidade.

Nos últimos anos Santiago(é)tapas pasou a celebrarse no mes de novembro, co obxectivo de colaborar na desestacionalización turística da cidade neste mes de tempada baixa. Sen embargo, nas dúas últimas edicións, unha vez pasado o coronavirus e coa reactivación plena do sector turístico na cidade, o concurso sufríu un estancamento no número de establecementos participantes debido principalmente a que neste mes o sector xa ten un volumen de actividade importante.

Así, segundo destacou Míriam Louzao “a razón fundamental deste cambio é unha razón moi positiva para Compostela. O cambio é debido a que os estabelecementos da cidade teñen agora no mes de novembro unha actividade moito máis forte da que tiñan hai uns anos, polo que entendemos que o concurso xa cumpriu a súa función neste mes”.

Pola súa banda, Flavia Ramil, apuntou que xa está aberto o periodo de inscrición do concurso, que rematará o 10 de xaneiro, dando practicamente dous meses de prazo que os estabelecementos do concello teñan tempo suficiente para pensar con calma as súas tapas.

Pola súa banda, Sara Santos, indicou que a Asociación ten como obxectivo “involucrar o máis posible a todo o sector hostaleiro. Ademais, tendo en conta o cambio de hábitos da clientela nestes anos que fixo que moitas cafeterías e locais se centren actualmente en almorzos, brunchs e merendas ou o chamado tardeo, imos darlle máis protagonismo ás propostas doces, co Premio á Tapa + Doce e un novo roteiro que percorra eses locais, convencidos de que dará a oportunidade de presentar propostas moi interesantes e abrirá o concurso a un público máis familiar”.