En este momento estás viendo A XVI edición de Santiago(é)Tapas celebrarase do 13 de febreiro ao 2 de marzo de 2025

A XVI edición de Santiago(é)Tapas celebrarase do 13 de febreiro ao 2 de marzo de 2025

Os locais de hostalaría que queiran participar no concurso poderán inscribirse desde o 4 de novembro a través da páxina web santiagoetapas.gal

O concurso Santiago(é)Tapas desenvolverase por segundo ano consecutivo no mes de febreiro, tralo éxito acadado na pasada edición cando se decidiu mudar de data despois de varias edicións tendo lugar en novembro. Así, o certame que organiza Turismo de Santiago, celebrarase do 13 de febreiro ao 2 de marzo de 2025.

Os establecementos hostaleiros da cidade teñen agora en novembro unha actividade moito máis forte da que tiñan hai uns anos, polo que o Concello de Santiago entendeu, en consenso co sector, que era moito máis acaído cambiar o concurso a unha época de tempada baixa, co obxectivo de seguir fomentando a desestacionalización.

O número de tapas consumidas (preto de 25.000) na pasada edición, e primeira que se celebrou en febreiro, viñeron a corroborar o acerto deste cambio. Este dato é moi relevante por producirse nun mes moi complexo para o sector e, ademais, porque o 40% do consumo foi de persoas que non residen en Compostela.

Prazo de inscrición

O vindeiro 4 novembro comezará o período de inscrición para o XVI Santiago(é)Tapas. Os establecementos de hostalaría interesados en participar disporán ata o 8 de xaneiro de 2025 para poder inscribirse, contando así con dous meses para pensar con calma as súas propostas.

Tanto as bases do concurso como a folla de inscrición estarán á súa disposición na páxina web santiagoetapas.gal

Poderán participar no concurso todos aqueles locais de hostalaría situados no termo municipal de Santiago de Compostela que o desexen, sempre que estean en posesión das licenzas oportunas.