O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e o presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, animaron esta mañá ao sector hostaleiro da cidade a participar no XIV Santiago(é)Tapas, que se celebrará do 27 de outubro ao 13 de novembro.
O pasado venres, 2 de setembro, comezou o período de inscrición para o concurso de tapas que promove Turismo de Santiago, organiza Hostalaría Compostela e conta coa colaboración de Cash Record, Utimaq e a Asociación de Celíacos de Galicia. Os establecementos de hostalaría interesados disporán ata o 20 de setembro para poder anotarse. A cota de inscrición é de 99 euros (IVE incluído). Tanto as bases do concurso como a folla de inscrición están á súa disposición na páxina web santiagoetapas.gal
‘Toleamos por (é)Tapas’ é o lema desta edición na que se repartirán catro premios mediante o voto ponderado do xurado profesional e do público: á mellor tapa tradicional (1000 euros), mellor tapa creativa, (1000 euros), mellor tapa maridada con viño (500 euros) e maridada con cervexa (500 euros). Ademais, outorgaranse dous premios escollidos exclusivamente polo público, na modalidade creativa (700 euros) e tradicional (700 euros), e un premio á mellor tapa sen glute, dotado cunha cesta de produtos por cortesía da Asociación de Celíacos de Galicia.
Co fin de fomentar o uso de produtos autóctonos de temporada e de proximidade, fíxase como requisito imprescindible para participar que as tapas inclúan na súa elaboración, produtos galegos de calidade contrastada, tales como produtos das distintas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas, produtos de agricultura ecolóxica ou produtos do mar de Galicia certificados.
Nas mesmas datas que o XIV Santiago(é)Tapas, celebrarase a terceira edición do Santiago(é)Cóctel, concurso de cócteles que organiza a Asociación Hostalaría Compostela, co patrocinio de Cash Record e Royal Bliss.
Outorgaranse catro galardóns: primeiro premio (500 euros), segundo premio (400 euros), mellor gin tonic tradicional con Royal Bliss (600 euros) e mellor combinado Royal Bliss