A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), unha axencia pública autonómica adscrita á consellería do Medio Rural, é unha das entidades colaboradoras deste ano na XV edición de SANTIAGO(é)TAPAS. Unha colaboración que xorde de compartir os mesmos obxectivos, xa que tanto a entidade como o concurso teñen entre a súa finalidade a promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade.
Así Agacal – Experiencias de Calidade repartirá máis de 100 lotes de produtos galegos con certificado de orixe entre os que finalicen (é)tapas, entre eles 50 lotes de tartas de Santiago IXP, 50 lotes grelos de Galicia IXP, 6 lotes de Mel de Galicia IXP, 6 lotes Irmáns de leite, 6 lotes Viños de Galicia, 3 lotes de Experiencias de Calidade e 3 lotes de Artesanía Alimentaria, aos que se sumarán 50 libros, entre recetarios e guías de viños.
A Axencia, que conta na súa estrutura con catro centros de investigación de referencia e seis Centros de Formación e Experimentación Agraria, adícase tamén a investigar e realizar o desenvolvemento tecnolóxico no sector agroalimentario, e desenvolver as actividades de I+D+I nos sectores agrario, gandeiro e forestal, dentro do marco das competencias que a esta axencia lle atribúen estes estatutos, ademáis da promoción dos produtos de calidade certificada.