O festival Recorda Fest, que en 2023 celebrou a súa primeira edición, terá continuidade en 2024 celebrándose os días 6 e 7 de setembro, no Muelle da Batería da Coruña. Nace coa intención de converterse nun evento de referencia con variada programación para toda a familia, ademais da súa implicación co medio ambiente, liderando a convalidación da pegada de carbono nos festivais en España. As primeiras confirmacións da edición do 2024 son Amaral, que chegan coa súa xira de festivais, os cataláns Sidonie que presentarán o seu flamante novo disco; Sidecars, todo un referente na actualidade do pop rock nacional; os asturianos Marlon, que repiten nesta segunda edición dun festival que promete ser grande, e Álvaro de Luna, que estará no Recorda Fest para presentar o seu segundo disco “Uno” co que se consolida como un dos grandes artistas do pop rock nacional.
A eles se sumarán novos artistas, dos que se darán pistas este mes de febreiro. Así, a través da conta oficial de Instagram do Recorda Fest, faranse anuncios para tentar que o público acerte os futuros nomes, que se irán ‘destapando’ durante as próximas semanas. Serán un adianto do que aínda está por chegar para facer do Recorda Fest o mellor festival para alongar o verán.
“Algúns destes nomes van sorprender á nosa xente, pero todos os grupos son do agrado dos fieis ao Recorda Fest e responden á demanda que nos fixeron precisamente nas nosas canles oficiais”, admite Víctor Santana, director do Festival, que este ano forma parte da lista de agasallos de Santiago (é) Tapas.
“Vai haber moitas sorpresas na edición do 2024 para nostálxicos e nostálxicas, que maridarán perfectamente con concertos de nome internacional», engade. «Na miña opinión, o RecordaFest dá un salto de calidade porque sabemos exactamente, despois do ano pasado, o que quere o público, como o quere e ímosllo a dar, por suposto”.