
O concurso Santiago(é)Tapas despediu a súa décimo sétima edición co acto de entrega de premios que se celebrou esta tarde na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Os tres principais galardóns foron para as tapas ‘Castelo da Rocha’, de Artesana, ‘Crocante de bacallau á galega’, da Bodeguilla de Santa Marta, e ‘Ópera de Sordo’, de La Morena.
Ao acto asistiron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, e outros representantes da Corporación municipal; ademais do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte. Tamén participaron a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; o delegado comercial de Estrella Galicia en Santiago, Guillermo Fernández; o wine ambassador de Ponte da Boga en Santiago, Alberto García; o director de Cash Record, Francisco Crespo; Ángela Novas, de Café Dromedario; a responsable de Seguridade Alimentaria de ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia), Nuria Colmenero; o director do CIPF Compostela, Ramiro Esparís; e Sheila Suárez, de Allwork.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou que o XVII Santiago(é)Tapas tivo un impacto económico directo superior aos 150.000 euros, unha cifra que reflicte a boa acollida do público e o papel deste concurso como motor de actividade económica no sector en temporada baixa. Ao respecto, indicou que en 2026 o concurso, que organiza Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, superou as 33.000 tapas vendidas. Unhas cifras que, en palabras da concelleira de Turismo, Míriam Louzao, supuxeron un incremento do 10% respecto ao ano anterior e máis do 30% con respecto ao do anterior, que confirman que “foi unha boa decisión” o cambio do certame para o mes de febreiro.
A alcaldesa agradeceu o esforzo feito non só por entidades e empresas colaboradoras, senón tamén polos propios locais participantes, que amosaron a súa calidade e excelencia profesional. Un esforzo “que mantedes durante todo o ano para construír esta Compostela Capital Gastronómica”, defendeu, ao fío, Louzao.
E nese sentido, Goretti Sanmartín detívose na figura de Xavier Míguez, para destacar que leva participando no concurso desde a súa primeira edición, en 2008. De feito, a Bodeguilla de San Lázaro é o único local que participounas dezasete edicións do concurso. “Confiamos que continúe nas vindeiras edicións de Santiago(é)tapas e que continúe compartindo todo o coñecemento acumulado que ten sobre o noso concurso”, expresou.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo destacou na súa intervención a consolidación desta iniciativa como un referente para a promoción de Santiago como destino gastronómico. “O turismo gastronómico é fundamental para apostar por un modelo turístico sustentable, rendible e que aporte tamén valor engadido á cidadanía de Compostela”, engadiu.

Tapas gañadoras
Nesta edición presentáronse ao concurso 73 propostas de 47 locais composteláns. Entre todas elas outorgáronse, mediante o voto ponderado do xurado profesional (60%) e do público (40%), tres galardóns principais:
- Premio “Deputación da Coruña” á Mellor Tapa Creativa, dotada con 1000 euros, para ‘Castelo da Rocha’ de Artesana. Esta tapa será a que representará a Santiago no concurso De tapas por Galicia organizado por Turismo de Galicia.
- Premio “Compostela Gastronómica” á Mellor Tapa Tradicional, dotada con 1000 euros, para ‘Crocante de bacallau á galega’ de Bodeguilla de Santa Marta.
- Premio á Mellor Tapa Doce, dotado con 1000 euros e un agasallo especial de Café Dromedario, para ‘Ópera de Sordo’ de La Morena.
Ademais, outorgáronse varios premios adicionais, elixidos polo xurado profesional:
- Premio “Ponte da Boga” á Mellor Tapa en maridaxe con Viño, dotado con 500 euros en produto, para ‘Castelo da Rocha’ de Artesana.
- Premio “Estrella Galicia” á Mellor Tapa en maridaxe con Cervexa, dotado con 500 euros en produto, para ‘Románico de transición’ do Suso.
- Premio “Calidade Diferenciada” á Mellor Tapa con produto de DOP, IXP, Produción Ecolóxica ou Artesanía Alimentaria, dotado cun lote de produtos da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), para ‘Cáeche a babilla’ de Pico de Galo.
- Premio “Cash Record” á Mellor Tapa Vexetariana/Vegana, dotado con 400 euros en produto, para ‘Dobre cacao’ de A Moa.
- Premio “ACEGA” á Mellor Tapa Sen Glute, dotado cun cheque de 200 euros para a compra de produtos sen glute, para ‘Alfábega e cítricos’ de A Maceta.
Tamén recibiron unha chaquetiña cortesía da empresa Allwork, os 10 locais finalistas que foron, por orde alfabética, A Maceta, con ‘Alfábega e cítricos’; A Moa, con Dobre cacao’; Artesana, coa tapa ‘Castelo da Rocha’; Bodeguilla de Santa Marta, con ‘Crocante de bacallau á galega’; El Rincón de Yobeida, con ‘Tropicacheira’; La Morena, con ‘Ópera de Sordo’; Orixe, con ‘Cordeiro de Dior’; O Sendeiro, con ‘Macaron de Santiago’; Pico de Galo, con ‘Cáeche a babilla’ e Suso, con ‘Románico de transición’.
Agasallos para o público
Durante o acto de entrega de premios do XVII Santiago(é)Tapas tamén se realizou o sorteo dunha estadía de dúas noites con almorzo no Hotel Gaio 7 en Santiago, cortesía de Vimbio, entre todas as persoas que votaron polas tapas a través dos códigos QR que se atopaban nos locais participantes.
O público deste XVII Santiago(é)Tapas, que se celebrou do 19 de febreiro ao 8 de marzo, puido gañar ademais diversos premios por completar as diferentes (é)Tapas e rutas de interese especial no Tapasporte. En total repartíronse 347 lotes con agasallos como detalles especiais de Turismo de Santiago ligados a Compostela; produtos galegos de calidade diferenciada procedentes de DOP, IXP, Agricultura Ecolóxica e de Artesanía Alimentaria, de AGACAL; botellas de viño Ponte da Boga, cervexas Estrella Galicia, lotes de Café Dromedario e ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia) e experiencias VIP para ver os partidos do Obradoiro CAB.
Organizado e promovido por Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña, e encadrado dentro da marca “Compostela Gastronómica”, o XVII Santiago(é)Tapas ten como patrocinador principal á empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Tamén colaboran a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Café Dromedario, a Asociación de persoas celíacas de Galicia (ACEGA), o CIFP Compostela, Allwork e Vimbio.