A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a concelleira de Turismo, Miriam Louzao, e o vicepresidente da Deputación de A Coruña, Xosé Regueira, inauguraron este mediodía o XVI Santiago(é)Tapas, concurso que organiza Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña, e que se desenvolverá ata o vindeiro 2 de marzo.
Fixérono nun acto celebrado no local La Morena, un dos gañadores da pasada edición do certame, acompañadas por Pedro López e Guillermo Fernández, de Estrella Galicia; Martín Alemparte, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal); e outros representantes da Corporación municipal e das empresas e entidades patrocinadoras e colaboradoras do concurso.
Alí puideron probar unha das 68 tapas -sete máis que na pasada edición- que poderán degustarse en 42 locais composteláns. Estes establecementos están distribuídos en sete rutas ou (é)Tapas que levan nomes dos Camiños de Santiago. Ademais establecéronse tres rutas de interese especial: sen glute, vexetariana e doce.
Aquelas persoas que completen estas rutas ou (é)TAPAS no Tapasporte poderán gañar diversos agasallos. Este documento, en formato libriño, pode recollerse en todos os locais participantes e na Oficina de Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63) en horario de 10.00 a 18.00 h de luns a domingo. Ademais, este sábado 15 de febreiro haberá un premio especial para as persoas que presenten AO LONGO DESE DÍA NA OFICINA DE TURISMO os selos cubertos dos cinco establecementos distinguidos co selo de Calidade Turística SICTED, que son: Bodeguilla de San Lázaro, Bodeguilla de Santa Marta, Redes, O Sendeiro e Orixe.
Premios
Entre todas as tapas presentadas outorgaranse, mediante o voto ponderado do xurado profesional e do público, un premio á mellor tapa creativa, á mellor tapa tradicional e á mellor tapa doce; dotados cada un deles cun diploma e 1.000 euros. Ademais, tamén se premiará a mellor tapa sen glute, que recibirá un cheque de 200 euros para produtos aptos para persoas celíacas; e un premio á mellor maridaxe con cervexa Estrella Galicia e outro á mellor maridaxe co viño Ponte da Boga, consistentes en 500 euros en produto.
Os votos do público poderán realizarse a través dos códigos QR que lles entregarán os locais participantes unha vez que consuman a súa tapa. Entre todas as persoas que o fagan, sortearase un agasallo.
O XVI Santiago(é)Tapas, organizado e promovido por Turismo de Santiago baixo o paraugas da marca Compostela Gastronómica, co apoio da Deputación da Coruña, conta como patrocinador principal coa empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Ademais, tamén colaboran co concurso a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Cafés Dromedario, ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia), Utimaq, Obradoiro CAB e SD Compostela.
Toda a información está dispoñible na páxina web santiagoetapas.gal