O presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, así como outros membros da Corporación municipal e representantes das entidades e empresas patrocinadoras, inauguraron o III Santiago(é)Cóctel, que se celebrará do 27 de outubro ao 13 de novembro, de xeito paralelo ao XIV Santiago(é)Tapas. O grupo achegouse ata o local gañador da edición anterior do concurso, o Pub Atlántico (Rúa da Fonte de San Miguel, 9), para probar as propostas que presenta nesta ocasión.
O III Santiago(é)Cóctel, un evento organizado pola Asociación Hostalaría Compostela, co patrocinio de Cash Record e Royal Bliss, ofrecerá durante dúas semanas e media 35 cócteles de 21 locais composteláns.
Os cócteles terán un prezo de entre 5 e 6,50 euros e optarán a catro galardóns: Primeiro Premio Santiago(é)Cóctel 2022, dotado con 500 euros; Segundo Premio Santiago(é)Cóctel 2022, dotado con 400 euros; e Mellor Gin Tonic Tradicional con Royal Bliss e Mellor Combinado Royal Bliss Vangarda, dotados con 600 euros cada un.
Os consumidores poderán votar polas súas propostas favoritas a través dos códigos QR que atoparán nos locais participantes.
Todos os cócteles participantes pódense consultar tanto na páxina web santiagoetapas.gal como no Tapasporte do XIV Santiago(é)Tapas, á disposición do público nos locais participantes, na Oficina de Turismo de Santiago, na Rúa do Vilar, e na sede de Asociación Hostalaría Compostela, na Rúa Salvadas, 29.