Comeza Santiago(é)Tapas con 76 tapas a concurso

O XVII Santiago(é)Tapas, concurso organizado por Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, botou a andar esta mañá trala inauguración celebrada en O Sendeiro, un dos locais gañadores da pasada edición. Ao acto asistiron a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, a concelleira de Turismo, Miriam Louzao, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e representantes da Corporación municipal e das entidades e empresas que patrocinan e colaboran co certame.

Un total de 76 tapas, oito máis que en 2025, de 48 locais, seis máis que na edición anterior, poderán degustarse en Compostela desde hoxe e ata o 8 de marzo. Estes establecementos están distribuídos en oito (é)Tapas que levan nomes dos Camiños de Santiago. Hai tamén tres rutas de interese especial: doce, vexetariana e sen glute. Todas elas poden consultarse no Tapasporte que xa se pode recoller na Oficina de Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63) en horario de 10.00 a 18.00 h de luns a domingo; así como en todos os locais participantes.

Aquelas persoas que completen estas rutas ou (é)TAPAS no Tapasporte poderán gañar diversos premios, tales como agasallos especiais de Turismo de Santiago ligados a Compostela, produtos galegos de calidade diferenciada procedentes de DOP, IXP, Agricultura Ecolóxica e de Artesanía Alimentaria, de AGACAL; botellas de viño Ponte da Boga, cervexas Estrella Galicia ou lotes de Café Dromedario e ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia); entre outros regalos.

Ademais, entre todas aquelas persoas que voten polas súas tapas favoritas a través dos QR que atoparán nos locais participantes, sortearase unha estadía de dúas noites con almorzo no Hotel Gaio 7 en Santiago, cortesía de Vimbio.

Premios

Entre todas as tapas que concursan neste XVII Santiago(é)Tapas outorgaranse, mediante o voto ponderado do xurado profesional e do público, tres galardóns principais:

  • Premio á Mellor Tapa Doce, dotado con 1000 euros e un agasallo especial de Café Dromedario.
  • Premio Compostela Gastronómica á Mellor Tapa Tradicional, dotada con 1000 euros.
  • Premio Deputación da Coruña á Mellor Tapa Creativa, dotada con 1000 euros. Esta tapa será a que representará a Santiago no concurso De tapas por Galicia organizado por Turismo de Galicia.

Ademais, outorgaranse varios premios adicionais, elixidos polo xurado profesional:

  • Premio Ponte da Boga á Mellor Tapa Maridada con Viño, dotado con 500 euros en produto.
  • Premio Estrella Galicia á Mellor Tapa Maridada con Cervexa, dotado con 500 euros en produto.
  • Premio Calidade Diferenciada á Mellor Tapa con produto de DOP, IXP, Produción Ecolóxica ou Artesanía Alimentaria, dotado cun lote de produtos da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL).
  • Premio Cash Record á Mellor Tapa Vexetariana/Vegana, dotado con 400 euros en produto.
  • Premio ACEGA á Mellor Tapa Sen Glute, dotado cun cheque de 200 euros para a compra de produtos sen glute.

O XVII Santiago(é)Tapas celebrarase do 19 de febreiro ao 8 de marzo. Organizado e promovido por Turismo de Santiago e encadrado dentro da marca “Compostela Gastronómica”, o concurso conta co apoio da Deputación da Coruña e ten como patrocinador principal á empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Tamén colaboran a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Café Dromedario, a Asociación de persoas celíacas de Galicia (ACEGA), o CIFP Compostela, Allwork e Vimbio.