A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, inaugurou a decimoquinta edición de Santiago(é)tapas, nun acto no que participaron a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, a presidenta da Asociación Hostelaría Compostela, Sara Santos, e representantes dos partidos políticos municipais e das empresas e entidades que colaboran co concurso organizado por Turismo de Santiago.
Nesta edición participarán 40 locais, fronte aos 38 que participaron na última edición, que se celebrou en novembro do 2022. En total, poderanse degustar 61 tapas, 29 creativas e 32 tradicionais, nos 40 locais distribuídos en 5 rutas ou (é)tapas diferentes.
Neste edición, dende Turismo de Santiago estase facendo un esforzo especial para ofrecer máis e mellores agasallos ás persoas que cubran algunha ruta do concurso co obxectivo de incentivar a participación nun mes de plena tempada baixa. Así, ofreceranse máis de 200 agasallos para aquelas persoas que cubran algunha das rutas definidas no Tapasporte.
Entre os agasallos inclúense produtos gastronómicos, como Piedras de Santiago; botellas de viño, queixos, meles e packs de produtos gastronómicos; entradas para espectáculos, festivais e o Museo da Cervexa (Mega); masaxes e agasallos de saúde e benestar; noites de hotel; ceas e xantares «experiencia» e abonos para o Obradoiro CAB. Mesmo exemplares asinados do libro «O home que matou a Antía Morgade», de Arantza Portabales, no que Santiago de Compostela e os seus establecementos de restauración teñen unha destacada presenza. Todos os agasallos e as rutas que é preciso facer para conseguilos poden consultarse en santiagoetapas.gal.
Este ano haberá tres rutas especiais: unha sen glute, na que se inclúen 19 petiscos; outra vexetariana con 11 propostas; e unha doce, novidade desta edición, composta por 15 tapas.
O concurso, organizado por Turismo de Santiago, en coordinación coa Asociación Hostelería Compostela, conta co apoio da Deputación da Coruña, o patrocinio de Estrella Galicia e a colaboración de Cash Record e Café Dromedario, entre outras empresas e entidades.