En este momento estás viendo Na primeira fin de semana do XVI Santiago(é)Tapas rexistráronse máis de 4000 votos

Na primeira fin de semana do XVI Santiago(é)Tapas rexistráronse máis de 4000 votos

O XVI Santiago(é)Tapas, concurso que organiza Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, recibiu nos 4 primeiros días un total de 4.180 votos do público. Unha cifra que supón o 40% do total de votos recollidos durante a toda a pasada edición, na que se contabilizaron algo máis de 10.000.

Estes datos corroboran a gran afluencia de público que percibiron os 42 locais participantes desde o pasado xoves 13 de febreiro, cando se iniciou o concurso, até este domingo día16. Nalgúns establecementos chegáronse a formar colas para poder probar algunha das 68 tapas coas que compiten nesta edición.

Como votar

As votacións realízanse no propio establecemento no que se consome a tapa. Hai que escanear un código QR que cada local presenta nunhas tarxetas de votación e cumprimentar un formulario. Dende un mesmo terminal pódese emitir un único voto por tapa participante. Entre todos os votos válidos emitidos sortearase un agasallo despois de que remate o concurso, o vindeiro 2 de marzo.

O XVI Santiago(é)Tapas, organizado e promovido por Turismo de Santiago baixo o paraugas da marca Compostela Gastronómica, co apoio da Deputación da Coruña, conta como patrocinador principal coa empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Ademais, tamén colaboran co concurso a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Cafés Dromedario, ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia), Utimaq, Obradoiro CAB e SD Compostela.