A Sala Mozart do Auditorio de Galicia acollerá o vindeiro martes, 11 de marzo, o acto de entrega de premios do XVI Santiago(é)Tapas, concurso que organiza Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña. Porase así o broche final a un certame que neste 2025 creceu tanto o número de tapas consumidas -30.000 fronte ás 25.000 da pasada edición- como de votos válidos rexistrados -12.915, o que supón un 25% máis que no 2024.
Estes datos avalan a decisión que se tomou o ano pasado de trasladar o concurso de novembro a febreiro como ferramenta para fomentar o consumo en tempada baixa. Así, Santiago(é)tapas consolídase como un evento fundamental para a desestacionalización do sector, en liña co obxectivo municipal de transformar o modelo turístico da cidade.
Das 68 tapas que prepararon os 42 locais participantes as máis votadas foron: ‘Lingote’ do Suso con 514 votos, seguida por ‘Xenerais da Ulla’ de Artesana con 425 votos e ‘A Picheleira’, tamén de O Suso con 378 votos.
Por etapas a máis votada foi a (é)Tapa 4/Camiño Primitivo con 3024 votos; seguida da (é)Tapa 1/Camiño Fisterra-Muxía con 2613 votos; e a (é)Tapa 3 – Camiño Portugués con 2480 votos.
Por consumo de tapas a (é)Tapa 4/Camiño Primitivo tamén se consolida con 6486 tapas consumidas, seguida da (é)Tapa 1/Camiño Fisterra-Muxía con 6018 tapas consumidas e a (é)Tapa 6/Camiño do Norte con 4229 tapas consumidas.
Durante o transcurso do acto no Auditorio de Galicia realizarase o sorteo dun agasallo especial entre esas 12.915 persoas que votaron durante a celebración do concurso, do pasado 13 de febreiro ao 2 de marzo.
Premios
No acto que terá lugar o martes -con acceso limitado a locais participantes así como empresas e entidades patrocinadoras e colaboradoras – daranse a coñecer as gañadoras dos premios á Tapa Creativa, Tapa Tradicional e Tapa Doce; dotadas cun diploma e 1000 euros cada unha delas, e un agasallo extra cortesía de Agacal. Tamén se desvelará o premio á mellor Tapa sen Glute, dotado cun diploma e un cheque valorado en 200 euros para a compra de produtos aptos para persoas celíacas. A elección destas tapas gañadoras será resultado da ponderación das puntuacións outorgadas polo xurado profesional (60%) e polo público (40%).
Ademais, tamén se premiarán as tapas que, en opinión do xurado profesional, mellor maridan co viño e a cervexa dos patrocinadores Estrella Galicia e Ponte da Boga. As gañadoras nestas dúas categorías recibirán como agasallo 500 euros en produto.
O XVI Santiago(é)Tapas, organizado e promovido por Turismo de Santiago baixo o paraugas da marca Compostela Gastronómica, co apoio da Deputación da Coruña, conta como patrocinador principal coa empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Ademais, tamén colaboran co concurso a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Cafés Dromedario, ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galica), Utimaq, Obradoiro CAB e SD Compostela.