Última fin de semana para votar polas tapas do XVII Santiago(é)Tapas e gañar diversos agasallos

Quedan só tres días para probar as tapas participantes no XVII Santiago(é)Tapas, votar por elas e completar o Tapasporte co que conseguir diversos agasallos. O concurso que organiza Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña despídese este domingo 8 de marzo despois de máis de dúas semanas dando boa mostra do bo facer da hostalaría compostelá en formato miniatura.

O público desempeña un papel fundamental no desenvolvemento do certame, xa que, xunto co xurado profesional, é o encargado de decidir os galardóns principais. Así, tal e como se explica nas bases do concurso, entre todas as tapas presentadas outorgaranse, mediante o voto ponderado do Xurado Técnico (60%) e do público (40%), o Premio Deputación da Coruña á Mellor Tapa Creativa, o Premio Compostela Gastronómica á Mellor Tapa Tradicional e o Premio á Mellor Tapa Doce.

Co obxectivo de premiar a implicación do público, entre todas aquelas persoas que emitan o seu voto sortearase unha estadía de dúas noites con almorzo no Hotel Gaio 7 en Santiago, cortesía de Vimbio. Facelo é moi fácil. Basta con escanear os códigos QR que se atopan nos locais participantes e completar un formulario online.

Regalos por completar o Tapasporte

O público tamén pode gañar diversos premios por completar polo menos unha das 8 (é)TAPAS que aparecen no Tapasporte, sendo necesario un selo de cada local participante na (é)Tapa que corresponda. Tamén hai regalos directos por contar cos selos de como mínimo unha das tapas en todos os locais incluídos nas rutas de interese especial: doce, sen glute e vexetariana.

Entre os premios, que se poden consultar por completo na páxina web santiagoetapas.gal, atopamos agasallos especiais de Turismo de Santiago ligados a Compostela, produtos galegos de calidade diferenciada procedentes de DOP, IXP, Agricultura Ecolóxica e de Artesanía Alimentaria, de AGACAL; botellas de viño Ponte da Boga, cervexas Estrella Galicia, lotes de Café Dromedario e ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia) e experiencias VIP para ver os partidos do Obradoiro CAB.

Estes agasallos deben recollerse na Oficina de Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63), en horario de 10.00 a 18.00 h de luns a domingo, ata fin de existencias ou ata o 15 de marzo (incluído).

Organizado e promovido por Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña, e encadrado dentro da marca “Compostela Gastronómica”, o XVII Santiago(é)Tapas ten como patrocinador principal á empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Tamén colaboran a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Café Dromedario, a Asociación de persoas celíacas de Galicia (ACEGA), o CIFP Compostela, Allwork e Vimbio.