
O vindeiro 7 de xaneiro remata o prazo para que bares e restaurantes se inscriban no XVII Santiago(é)Tapas, concurso que se celebrará do 19 de febreiro ao 8 de marzo de 2026.
Poderán participar todos aqueles locais de hostalaría situados no termo municipal de Santiago de Compostela que o desexen, sempre que estean en posesión das licenzas oportunas e dispoñan de espazo axeitado para o consumo no propio establecemento. Para facelo, dispoñen dun formulario online na páxina web santiagoetapas.gal
Organizado e promovido por Turismo de Santiago e encadrado dentro da marca “Compostela Gastronómica”, o XVII Santiago(é)Tapas conta co apoio da Deputación da Coruña e ten como patrocinador principal á empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Tamén colaboran co concurso a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Café Dromedario, ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia), o CIFP Compostela e Allwork.
Bases
Co obxectivo de elevar aínda máis a calidade xeral das tapas do concurso, Turismo de Santiago decidiu introducir algúns cambios nas bases, tales como criterios máis específicos de valoración, que porán o foco no concepto de tapa e nas técnicas culinarias que se empregan nelas. Así, por exemplo, entenderase como tapa unha pequena porción de comida, elaborada para acompañar unha bebida, que non supere os 90 g. de peso na categoría tradicional e 75 g. nas outras categorías (creativa, doce e adicionais).
Outro cambio ten que ver coas categorías do concurso, que pasan a dividirse en tres principais, TRADICIONAL, CREATIVA e DOCE; mais cinco adicionais. Cada tapa poderá optar a un só premio principal das tres categorías, sen prexuízo de que poida gañar tamén un dos premios adicionais.
Destes últimos, tres xa se viñan outorgando nos últimos anos (Mellor Tapa en Maridaxe con Cervexa, Mellor Tapa en Maridaxe con Viño e Mellor Tapa sen Glute) e outros dous serán incorporados nesta edición: Mellor Tapa Vexetariana ou Vegana e Mellor Tapa con ingrediente destacado con DOP, IXP, Produción Ecolóxica ou Artesanía Alimentaria de Galicia.
Tamén como novidade, o galardón na categoría Creativa pasará a chamarse Premio á Mellor Tapa Creativa “Deputación da Coruña”, e será a tapa que represente a Santiago no concurso ‘De tapas por Galicia’, organizado por Turismo de Galicia. Pola súa parte, o galardón na categoría Tradicional, pasará a denominarse Premio á Mellor Tapa Tradicional “Compostela Gastronómica”.
As bases completas poden consultarse aquí.