- O concurso de tapas de Compostela cambia de datas nesta edición logo de potenciar a desestacionalización no mes de novembro.
A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, a presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron a campaña de comunicación que se desenvolverá neste Nadal para anunciar o cambio de datas da XV edición do concurso Santiago(é)tapas, que terá lugar do 15 de febreiro ao 3 de marzo, nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi.
O cambio de datas, que se decidiu conxuntamente entre Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela, faise porque nas dúas últimas edicións, unha vez pasado o coronavirus e coa reactivación plena do sector turístico na cidade, o concurso sufríu un estancamento no número de establecementos participantes debido principalmente á desestacionalización turística, que permitiu que no mes de novembro o sector teña xa un volumen de actividade importante.
Segundo destacou Míriam Louzao: “a recepción que estamos tendo deste cambio de datas por parte dos establecementos está sendo moi positiva. En xeral, o cambio trae consigo dúas vantaxes: por unha banda, permitiu que os estabelecementos puidesen traballar no mes de novembro concentrando os seus esforzos na actividade deste mes; por outra banda, os establecementos ven que as novas datas escollidas son unha oportunidade para aumentar a súa actividade nun periodo de pouca demanda”.
Pola súa banda, Flavia Ramil, apuntou que neste periodo de Nadal desenvolverase unha importante campaña de comunicación baixo o lema “As Tapas son a Estrela”, co dobre obxectivo tanto de incentivar a inscrición por parte dos estabelecementos da cidade como de informar ao público interesado do cambio de datas do concurso. Neste sentido, lembrou que a data de peche das inscricións remata o 10 de xaneiro.
Finalmente, Sara Santos, indicou que «a mecánica do concurso será a mesma que a doutros anos, establecéndose varios roteiros e con premios ás mellores tapas, habendo esta edición e como novidade unha etapa e un premio especial á máis doce, co que queremos incentivar a participación de cafeterías e bares que traballan almorzos e merendas». Santos adiantou tamén que haberá numerosos agasallos para os que completen as etapas, como entradas a espectáculos e festivais de música, noites de hotel, ceas experienciais, etc, e agradeceu «a boa disposición do Concello, Turismo de Santiago e Deputación da Coruña; así como dos patrocinadores: Estrella Galicia, Cash Record e Café Dromedario, e do resto de empresas colaboradoras que o fan posible«.