En este momento estás viendo Finalizado o período de probas do XV Santiago (é) Tapas

Finalizado o período de probas do XV Santiago (é) Tapas

Santiago (é) Tapas pechou o venres 19 o seu calendario de quendas para que os hostaleiros rexistrados na edición deste ano presentasen as súas propostas fronte aos representantes do xurado profesional, José Antonio Quintáns e Gonzalo Salgueiros, que garanten que a tapa cumpra coas condicións esixidas nas bases e estea correctamente rexistrada.
Ademais, tras a elaboración diante do xurado, a tapa é fotografada polos fotógrafos de La Diapo para a súa posterior utilización en cartelería e elementos de promoción do concurso.
Xa só queda, pois, esperar á inauguración oficial do XV Santiago (é) Tapas que comezará o próximo 15 de febreiro para degustar as propostas dos 41 establecementos rexistrados.
En breve, coñeceranse as diferentes etapas que agrupan aos locais pola súa localización, e ás que se sumarán a Ruta Sen Glute, a Ruta Vegana e Vexetariana e como novidade, a Ruta Doce, ademais dun roteiro especial pensado para os aloxados en hoteis e que poderán atopar no Tapasporte Express.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores haberá agasallos directos, sorteos e moitas máis sorpresas.

CURSOS FORMATIVOS. Por outra banda e ata o inicio do concurso, a organización puxo en marcha varios cursos de formación para os hostaleiros rexistrados. Trátase dun Curso de Iniciación Barista, en colaboración con Café Dromedario, que impartirá a formadora Karen Quiroga os días 29 e 30 de xaneiro; unha cata de maridaxe de cervexas, en colaboración con Estrella Galicia e impartida por Carlos Ávila, e unha cata de mencías de Ponte da Boga, organizada pola adega e impartida polo enólogo Rubén Pérez, previstos para o 5 de febreiro.