As instalacións da Asociación Hostalería Compostela acollen este luns as primeiras sesións do Curso de Iniciación Barista, que se está a desenvolver durante dúas xornadas, promovido por Café Dromedario e impartido por Karen Quiroga, 2 veces campiona de España de latte (sca 2017 e Forum 2021), 3ª aeropress España 2019 e somelier de té, que viaxou á capital galega para achegar a figura do barista aos hostaleiros, mostrándolles as principais técnicas para tratar o café de alta calidade. Fronte a ela, profesionais do sector interesados en converterse en baristas ou en ter unha formación máis profesional.
Organizado no marco do Santiago (é) Tapas, do que Dromedario é un dos principais colaboradores desta edición, o curso incluíu unha degustación de bebidas con café, técnicas para o correcto uso da máquina espresso, e indicacións para ensinar aos asistentes as diferenzas entre as variedades de café, a conservación do produto, a preparación do espresso correcto cos parámetros indicados para cada bebida ou a emulsión correcta do leite, pero tamén consellos para obter a máxima rendibilidade.
Ademáis, os asistentes aprenderon a preparar varias bebidas especiais feitas con café con leite, como capuccinos, latte macciatto, flat white…, destacando a utilidade do curso para mellorar o seu servizo de café, ademáis de pasar un rato moi agradable entre outros compañeiros do sector.