A concelleira de Turismo, Miriam Louzao, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron esta mañá no Pazo de Raxoi a nova campaña de comunicación do Santiago(é)Tapas que se desenvolverá neste período de Nadal. Repartiranse máis de 60.000 manteis e carteis animando ao sector hostaleiro a participar neste concurso, que por segundo ano consecutivo, terá lugar en febreiro.
Poderán participar no certame que promove e organiza Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña, todos aqueles locais de hostalaría situados no termo municipal de Santiago de Compostela que o desexen, sempre que estean en posesión das licenzas oportunas. Para facelo, dispoñen dun formulario online na páxina web santiagoetapas.gal, que estará aberto ata o mércores 8 de xaneiro (incluído).
A mecánica do concurso será a mesma que a doutros anos, establecéndose varias rutas e con premios ás mellores tapas, reforzándose nesta edición unha etapa e un galardón especial á máis doce, coa que se busca incentivar a participación de cafeterías e bares que traballan almorzos e merendas.
Colaboración co Mercado de Abastos
Neste XVI Santiago(é)Tapas, que se encadra dentro da marca Compostela Gastronómica, búscase consolidar a aposta polo produto autóctono de temporada e de proximidade. Por iso, este ano, refórzase a colaboración do Mercado de Abastos de Santiago.
Será alí onde se celebren do 13 ao 17 de xaneiro as probas nas que un xurado profesional valorará os petiscos candidatos a participar no concurso. Non serán aceptadas aquelas propostas que non respondan ao concepto de tapa; que non ofrezan, ao seu xuízo, unha calidade mínima; ou que non inclúan na súa elaboración, cando menos, un alimento galego de calidade contrastada, tales como produtos das distintas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas, produtos de agricultura ecolóxica ou produtos do mar de Galicia certificados.
Premios maridaxe con cervexa e viño
O XVI Santiago(é)Tapas, que se celebrará do 13 de febreiro ao 2 de marzo de 2025, volve a contar un ano máis como patrocinador principal coa empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá.
Ao abeiro deste patrocinio, establecéronse dous premios maridaxe. Estes galardóns consistirán en 500 euros en produto que recibirán os locais que, na opinión do xurado profesional, presenten as tapas que mellor combinen coa cervexa Estrella Galicia e o viño Ponte da Boga.
Neste Santiago(é)Tapas repetirán tamén como empresas e entidades colaboradoras, ademais do Mercado de Abastos; Cash Record, Cafés Dromedario, ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia) e Utimaq.
A esta rolda de prensa asistiron, ademais de Miriam Louzao e Flavia Ramil, Guillermo Fernández Iglesias, delegado comercial Hijos de Rivera Santiago de Compostela; Bruno Hermida, promotor de Cafés Dromedario; e Nuria Colmenero Lama, responsable do departamento de Restauración e Seguridade Alimentaria de ACEGA.