En este momento estás viendo Comeza o período de inscrición para o XVI Santiago(é)Tapas

Comeza o período de inscrición para o XVI Santiago(é)Tapas

Os locais de hostalaría que queiran participar no concurso de tapas de Compostela poden anotarse do 4 de novembro ao 8 de xaneiro na web santiagoetapas.gal

Hoxe, 4 de novembro, comeza o período de inscrición para o XVI Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Compostela que organiza e promove Turismo de Santiago.

Os establecementos de hostalaría interesados en participar disporán ata o 8 de xaneiro de 2025 para poder inscribirse, contando así con dous meses para pensar con calma as súas propostas.

Tanto as bases do concurso como a folla de inscrición están á súa disposición na páxina web santiagoetapas.gal Os locais participantes deberán cubrir este documento e envialo ao correo electrónico info@santiagoetapas.com ou entregalo na oficina técnica do concurso, nas dependencias de Turismo de Santiago na rúa do Vilar, 63.

Este ano, como novidade, tamén se creou un formulario online, dispoñible na web santiagoetapas.gal, coa intención de facilitar a inscrición.

O XVI Santiago(é)Tapas celebrarase do 13 de febreiro ao 2 de marzo de 2025. Poderán participar no concurso todos aqueles locais de hostalaría situados no termo municipal de Santiago de Compostela que o desexen, sempre que estean en posesión das licenzas oportunas.