Santiago(é)Tapas explicará as novidades das súas bases nun Café Informativo o 25 de novembro

Trátase da primeira ocasión na que o concurso de tapas da cidade, organizado por Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, desenvolve esta acción informativa.

O salón de actos do CIFP Compostela acollerá o vindeiro 25 de novembro, de 17.30 a 19.00 h, un Café Informativo dirixido aos locais de hostalaría que queiran participar no XVII Santiago(é)Tapas, no que se detallarán as novidades que se estableceron nesta edición nas bases do concurso. Ademais, o Xurado Técnico do certame ofrecerá algúns consellos e técnicas para mellorar a produción das tapas presentadas.

Esta é a primeira ocasión na que se organiza un acto destas características, que servirá ademais para responder as dúbidas que sempre xorden á hora de realizar as inscricións e que resultará de especial utilidade a todos aqueles locais que se presenten por vez primeira ao concurso.

Co obxectivo de elevar aínda máis o atractivo do Santiago(é)Tapas e consolidalo como un referente dentro dos concursos que se celebran non só en Galicia, senón fóra das nosas fronteiras; a organización decidiu nesta edición introducir algúns cambios nas bases, tales como criterios máis específicos de valoración, que poñerán o foco no concepto de tapa e nas técnicas culinarias que se empregan nelas. Así, por exemplo, entenderase como tapa unha pequena porción de comida, elaborada para acompañar unha bebida, que non supere os 90 g. de peso na categoría tradicional e 75 g. nas outras categorías (creativa, doce e adicionais).

Para poder asistir a este Café Informativo, que ofrecerá unha das empresas patrocinadoras do certame, Café Dromedario, hai que inscribirse a través dun formulario online na web santiagoetapas.gal

O XVII Santiago(é)Tapas celebrarase do 19 de febreiro ao 8 de marzo de 2026. Aqueles locais de hostalaría que queiran inscribirse poden facelo xa e ata o 7 de xaneiro incluído, a través do formulario online que atoparán tamén na páxina web santiagoetapas.gal

Organizado e promovido por Turismo de Santiago e encadrado dentro da marca “Compostela Gastronómica”, o XVII Santiago(é)Tapas conta co apoio da Deputación da Coruña e ten como patrocinador principal á empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Tamén colaboran co concurso o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Café Dromedario, a Asociación de persoas celíacas de Galicia, o CIFP Compostela e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria.