Este domingo, 13 de novembro, rematará o XIV Santiago(é)Tapas, concurso de tapas da cidade promovido por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostalaría Compostela, baixo o lema de ‘Toleamos por (é)Tapas’.
Esta será por tanto a última fin de semana para probar os 63 petiscos de 38 locais e votar por eles a través dos códigos QR que se entregan no momento do consumo.
O vindeiro 28 de novembro celebrarase unha gala no Auditorio de Galicia na que coñeceremos as propostas gañadoras desta edición. Entre todos os petiscos presentados outorgaranse, mediante o voto ponderado do xurado profesional e do público, un premio á mellor tapa creativa e un premio á mellor tapa tradicional, dotados con 1.000 euros cada un; e un premio á mellor tapa maridada con viño e á mellor tapa maridada con cervexa, dotados con 500 euros cada un. A Asociación de Celíacos de Galicia entregará tamén un premio á Mellor Tapa sen Glute. Ademais haberá dous premios do público, á tapa creativa e á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un.
Agasallos directos e sorteos
Neste XIV Santiago(é)Tapas establecéronse seis rutas ou (é)tapas que se poden consultar tanto na páxina web santiagoetapas.gal como no Tapasporte, á disposición do público nos locais participantes, na Oficina de Turismo de Santiago, na Rúa do Vilar, e na sede de Asociación Hostalaría Compostela, na Rúa Salvadas, 29.
As persoas que vaian completando as diferentes (é)tapas -conseguindo os selos dos locais participantes no Tapasporte cando consuman unha tapa- gañarán diferentes agasallos. Os premios, que poden consultarse na web santiagoetapas.gal, inclúen entradas para o festival de cine Cineuropa, o mandil oficial do concurso, botellas de viño e de Áncora de Silleiro, vales para o Mercado de Abastos, abonos para o Obradoiro CAB e a SD Compostela etc.
Como novidade nesta edición creáronse dúas rutas extra, que se suman á Ruta Veggie, con opcións para persoas vexetarianas, veganas ou flexitarianas, que xa se puxera en marcha no 2021. Estas son a Ruta sen glute, para que poidan completar as persoas celíacas, e a Ruta Pet-friendly, formada polos locais que permiten acceder con mascotas. As persoas que consuman dez tapas nalgunha destas tres rutas poderán gañar un xogo de cuncas de Artesanía de Galicia. Ademais realizaranse tres sorteos: unha cesta de produtos da horta do Mercado de Abastos, unha cesta de produtos sen glute da Asociación de Celíacos de Galicia e un plan vacinal anual completo para unha mascota máis un regalo sorpresa de Can Cat.
Tamén se sorteará unha cea para dúas persoas -por cortesía de Cervezas Alhambra- entre todos aqueles que emitan o seu voto nos códigos QR habilitados para tal fin nos locais participantes.
O XIV Santiago(é)Tapas volve a contar un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra, en liña coa filosofía da marca que considera o tempo coma un ingrediente esencial á hora de elaborar as cousas que merecen a pena, como a boa gastronomía.
Tamén colaboran nesta edición Cash Record, Banco Sabadell, Utimaq, a Asociación de Celíacos de Galicia, Monbus Obradoiro CAB, SD Compostela, o festival Cineuropa e Renfe.
Santiago(é)Cóctel
Tamén este domingo, 13 de novembro, rematará o III Santiago(é)Cóctel, un evento organizado pola Asociación Hostalaría Compostela, co patrocinio de Cash Record e Royal Bliss.
En total participan neste concurso 35 cócteles de 21 locais composteláns que optarán a catro galardóns: Primeiro Premio Santiago(é)Cóctel 2022, dotado con 500 euros; Segundo Premio Santiago(é)Cóctel 2022, dotado con 400 euros; e Mellor Gin Tonic Tradicional con Royal Bliss e Mellor Combinado Royal Bliss Vangarda, dotados con 600 euros cada un. As propostas gañadoras coñeceranse tamén na gala que se celebrará o 28 de novembro.